Leoteca - Parte de Smartick

< Volver

Resultados de tu búsqueda: 4 libros

Abril de 2011. Un autobús percorre lentamente a Anatolia. No seu interior, Leo sente que lle ferve a cabeza nunha dura batalla entre os medos, as esperanzas e as dúbidas. Vai para tres meses que abandonou a súa casa coa intención de facer unha viaxe polo mundo adiante. Dispoñía de seis meses e seis mil euros para cumprir o seu soño de atravesar todas as fronteiras, as visibles e as invisibles, e converterse na Marco Polo que admiraba de cativa. Neste tempo, visitou cidades como Barcelona, Lisboa ou Marrakech e aprendeu a dar pasos por si mesma, con todas as satisfaccións e, tamén, todos os erros ás costas. A fantástica tropa de Ruth, ese alivio para o seu peto e desazo para o corazón, foi ata o momento a súa mellor aliada contra a morriña que lle pisa, teimuda, os calcañares. Agora, nese vehículo incómodo que atravesa Turquía, Leo ten que decidir que facer. Que visitar. Con quen. Como. A rapaza bota a man á cabeza acabada de rapar e suspira. Dende logo, esa visita inesperada en Istambul uns días antes non axuda a tomar unha decisión firme. Estación de tránsito é a segunda entrega da triloxía Ámote Leo A. Logo das peripecias de Destino xalundes, Leo deberá superar dificultades e asumir sorpresas tan marabillosas como imprevistas no seu camiño. Haberá novas cidades, novas amizades e novas pintadas para unha viaxe que parte de cero cada día. Cales serán os seus próximos pasos? Conseguirá Leo cumprir o seu soño? Acompáñaa e déixate seducir por un mundo fascinante da man da infatigable Leo A.

Ámote Leo A. Estación de tránsito

Aneiros, Rosa

288Ver
14+

Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d' As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño… O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Ás de bolboreta

Aneiros, Rosa

232Ver
14+

Resistencia

Aneiros, Rosa

304Ver